Na reunión da Coordinadora Comarcal de ENDL de Deza-Tabeirós-Terra de Montes acordamos facer público este comunicado e remitilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á coordinadora provincial de Pontevedra.
Consideramos un desprezo o trato dado pola SXPL aos Equipos de Normalización nos últimos anos ao reducir a dotación orzamentaria nun 70% e atrasar os pagos ata final de curso.
Denunciamos o inmobilismo dunha Administración que non oferta cursos de formación nin ofrece novos recursos normalizadores
O incremento de horas lectivas do profesorado e o decreto para o plurilingüismo dificultan o traballo dos Equipos de Normalización.
A Coordinadora Comarcal de ENDL (Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) de Deza-Tabeirós-Terra de Montes valora as axudas da SXPL para o fomento do galego nos centros de ensino como un desprezo ao traballo que se realiza desde os ENDL. Destacamos que a dotación orzamentaria se reduciu un 70% e que os prazos das convocatorias son completamente irracionais xa que só se coñecen as cantidades asignadas cando o curso está rematado e xa non hai tempo para levalas a cabo.
Ademais desde os ENDL sentímonos completamente desamparados pola SXPL e a Consellería de Educación xa que o incremento da carga lectiva do profesorado dificulta enormemente a posta en marcha das actividades normalizadoras. Tamén botamos en falta a convocatoria de cursos de formación e a renovación de material e de recursos para o traballo normalizador nos centros escolares.
O decreto para o plurilingüismo é outra gran traba para o desenvolvemento das actuacións nos centros de ensino pois aniquilou por completo as posibilidades de intervención, expulsando o traballo normalizador fóra das horas lectivas. En consecuencia, o labor que se viña realizando nos Equipos desde hai máis de 20 anos volveuse completamente marxinal.
Tampouco percibimos un proxecto coordinador cara aos equipos cunha liña de traballo ben definida. Pola contra apreciamos manipulacións en celebracións tales como o Día da Ciencia, intentando ocultar o seu carácter reivindicativo contra a actual exclusión do galego do ensino da ciencia. Apreciamos envíos esporádicos de información e sen obxectivos específicos que alenten o labor dos equipos. Non se impulsa a creación ou consolidación das coordinadoras comarcais.
Resulta urxente a elaboración dun discurso en positivo a favor do galego. Pedimos que desde a SXPL centren os seus esforzos na elaboración planificada dese discurso en positivo en relación a toda a comunidade educativa, pero incidindo sobre todo no profesorado e nas familias.
a) Reclamamos unha análise das competencias orais en galego entre o alumnado.
b) Reclamamos medidas para frear a desgaleguización maioritaria e acelerada no ensino,
en todas os niveis educativos.
c) Reclamamos a retirada da enquisa do galego para infantil, seguindo as pautas da sentenza contra o decreto do plurlingüismo ditaminado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
d) Reclamamos medidas urxentes para sacar o galego da exclusión e marxinación á que
está sometido nos centros plurilingües.
e) Reclamamos que se aposte por un plurilingüismo inclusivo, non centrado exclusivamente
nunha promoción abafante do inglés.
Nos medios:
A coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística pide a inclusión do galego na escola, no Faro de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario