Amosando publicacións coa etiqueta comunicados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta comunicados. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de febreiro de 2015

Comunicado da Coordinadora Comarcal de ENDL sobre o mal funcionamento da administración

Na reunión da Coordinadora Comarcal de ENDL de Deza-Tabeirós-Terra de Montes acordamos facer público este comunicado e remitilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á coordinadora provincial de Pontevedra.


Consideramos un desprezo o trato dado pola SXPL aos Equipos de Normalización nos últimos anos ao reducir a dotación orzamentaria nun 70% e atrasar os pagos ata final de curso.
Denunciamos o inmobilismo dunha Administración que non oferta cursos de formación nin ofrece novos recursos normalizadores
O incremento de horas lectivas do profesorado  e o decreto para o plurilingüismo dificultan o traballo dos Equipos de Normalización.



A Coordinadora Comarcal de ENDL (Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) de Deza-Tabeirós-Terra de Montes  valora as axudas da SXPL para o fomento do galego nos centros de ensino como un desprezo ao traballo que se realiza desde os ENDL. Destacamos que a dotación orzamentaria se reduciu un 70% e que os prazos das convocatorias son completamente irracionais xa que só se coñecen as cantidades asignadas cando o curso está rematado e xa non hai tempo para levalas a cabo.
Ademais desde os ENDL sentímonos completamente desamparados pola SXPL e a Consellería de Educación xa que o incremento da carga lectiva do profesorado dificulta enormemente a posta en marcha das actividades normalizadoras. Tamén botamos en falta a convocatoria de cursos de formación e a renovación de material e de recursos para o traballo normalizador nos centros escolares.
O decreto para o plurilingüismo é outra gran traba para o desenvolvemento das actuacións nos centros de ensino pois aniquilou por completo as posibilidades de intervención, expulsando o traballo normalizador fóra das horas lectivas. En consecuencia,  o labor que se viña realizando nos Equipos desde hai máis de 20 anos volveuse completamente marxinal.
Tampouco  percibimos un proxecto coordinador cara aos equipos cunha liña de traballo ben definida. Pola contra apreciamos manipulacións en celebracións tales como o Día da Ciencia, intentando ocultar o seu carácter reivindicativo contra a actual exclusión do galego do ensino da ciencia. Apreciamos envíos esporádicos de información e sen obxectivos específicos que alenten o labor dos equipos. Non se impulsa a creación ou consolidación das coordinadoras comarcais.
Resulta urxente a elaboración dun discurso en positivo a favor do galego. Pedimos que desde a SXPL centren  os seus esforzos na elaboración planificada dese discurso en positivo en relación a toda a comunidade educativa, pero incidindo sobre todo no profesorado e nas familias.
a) Reclamamos unha análise das competencias orais en galego entre o alumnado.
b) Reclamamos medidas para frear a desgaleguización maioritaria e acelerada no ensino,
en todas os niveis educativos.
c) Reclamamos a retirada da enquisa do galego para infantil, seguindo as pautas da sentenza contra o decreto do plurlingüismo ditaminado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
d) Reclamamos medidas urxentes para sacar o galego da exclusión e marxinación á que
está sometido nos centros plurilingües.
e) Reclamamos que se aposte por un plurilingüismo inclusivo, non centrado exclusivamente
nunha promoción abafante do inglés.


Nos medios:

A coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística pide a inclusión do galego na escola, no Faro de Vigo

xoves, 6 de novembro de 2014

Acordos da Coordinadora Comarcal para o curso 14-15


Consolídase a Coordinadora Comarcal de Equipos de Normalización Lingüística (ENDL) de Deza-Tabeirós-Terra de Montes na reunión celebrada o 6 de novembro no IES Pintor Colmeiro (Silleda).
  • Acudiron representantes dos ENDLs das tres comarcas e asumiron o compromiso de organizar unha actividade conxunta no presente curso. Tamén se invitou a  todos os ENDLs da comarca a que aporten propostas que poden enviar ao correo coordendldeztabter@gmail.com
  • A principios do 2015 celebrarase outra reunión para decidir a actividade a realizar e a súa organización.

En concreto, as decisións tomadas foron as seguintes:
1. Enviar comunicación a todos os membros dos ENDL convidándoos a que se adscriban á Coordinadora Galega de ENDL. Poden facelo nesta ligazón.
2. Divulgar a toda a comunidade educativa a revista Ollos de aula aproveitando todos os recursos dispoñibles en cada centro: mediante os webs dos centros, os blogues dos ENDL ou das Bibliotecas Escolares, nos taboleiros do centro, imprimindo e distribuíndo os exemplares da revista...
3. Divulgar entre os membros do ENDL a revista A letra miúda.
4. Dar a coñecer os informes da CGENDL e participar nas campañas que convoque.
5. Engadir ligazóns nos webs e blogues dos centros ao blogue da Coodenadora Comarcal  e actualizalo coas actividades nas que colaboren varios Equipos.
6. Proponse promover a realización de actividades conxuntas entre os centros de cada concello, tal e como xa se está a facer por exemplo na Estrada.
7. Decídese a conveniencia de realizar unha actividade conxunta para todos os centros da comarca Deza-Tabeirós-Terra de Montes durante o presente curso e convídase a todos os ENDLs da comarca a que aporten propostas. A principios do 2015 celebrarase outra reunión para decidir a actividade a realizar e a súa organización.
8. Invítase a todos os coordinadores dos ENDL da comarca a sumarse ao traballo desta Coordinadora Comarcal.

luns, 27 de outubro de 2014

Reunión da Coordinadora Comarcal Deza-Tabeirós-Terra de Montes

Convocatoria de reunión da Coordinadora Comarcal Deza-Tabeirós-Terra de Montes
Xoves 6 de novembro ás 6 da tarde no IES Pintor Colmeiro de Silleda para tratar polo menos:

  • Difusión e uso do blogue da coordinadora comarcal
  • Propostas de actividades conxuntas.
  • Renovación das adscricións á CGENDL
  • Difusión das revistas, informes e campañas da CGENDL
  • Funcionamento da Coordinadora Comarcal

martes, 6 de maio de 2014

Ola a todos desde a Coordinadora de ENDL Deza, Tabeirós e Terra de Montes

Con esta entrada queremos botar a andar unha nova Coordinadora de ENDL. Neste caso trátase de agrupar aos centros de ensino das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes.

O 27 de marzo reunímonos no IES Pintor Colmeiro (Silleda) os coordinadores do ENDL do CEIP Cabada Vázquez (A Estrada), do CEIP Xoaquín Loriga (Lalín), do CEIP da Bandeira e o IES Pintor Colmeiro (Silleda) e do IES Chano Piñeiro (Forcarei) co fin de constituir unha coordinadora comarcal que colaborara coa CGENDL. Tamén se estableceron contactos cos CEIP Nosa Señora da Piedade (Vila de Cruces) e co CEIP A Nosa Señora das Dores (Forcarei).
Para manter unha plataforma de contacto e visibilización das actividades dos centros das comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes decidiuse crear un blogue colaborativo: éste que estades a ver, e establecer unha plataforma de correo para crear unha rede de contactos para eventuais futuras colaboracións entre os equipos da zona. Non será necesario engadir que esta coordinadora está aberta a novas incorporacións.
Tamén se nomeou a Irene Fuentes, coordinadora do CEIP Cabada Vázquez como representante desta ante a CGENDL
Esperamos que este proxecto teña un futuro longo e próspero e sexa unha xanela normalizadora nas terras do centro xeográfico de Galicia.