martes, 3 de xuño de 2014

Teatro: os fillos do rei

O pasado martes os mozos e mozas do Club de Lectura do IES Chano Piñeiro (Forcarei) fixeron as delicias do alumnado máis cativo do CEIP Nosa Señora das Dores, coa representación da obra de teatro "Os fillos do rei".


Esta representación enmárcase dentro dunha actividade de colaboración desenvolvida polos ENDL dos dous centros que leva por nome "Nós tamén contamos" e que terá a súa segunda parte dentro duns días cando alumnos de 4º ESO vaian polas aulas do cole a contar unhas divertidas historias...

luns, 12 de maio de 2014

Web da CGNEDL sobre Díaz Castro

Por quinto ano consecutivo a Coordinadora Galega de ENDL achéganos un completísimo portal con recursos, actividades e noticias sobre a figura homenaxeada no Día das Letras. Lembremos que xa o fixo así nos anos 2010 ( Uxío Novoneyra) , 2011 (Lois Pereiro) , 2012 (Valentín Paz Andrade) e 2013 (Roberto Vidal Bolaño).
A estrutura do portal segue as mesmas directices que a de edicións pasadas: desde a páxina principal do portal podemos acceder a distintos recursos ordenados coas etiquetas: Materiais didácticos, Para saber máis, Bibliografía, Ligazóns, Audiovisual, Actividades dos centros, Arredor de Díaz Castro.

martes, 6 de maio de 2014

Ola a todos desde a Coordinadora de ENDL Deza, Tabeirós e Terra de Montes

Con esta entrada queremos botar a andar unha nova Coordinadora de ENDL. Neste caso trátase de agrupar aos centros de ensino das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes.

O 27 de marzo reunímonos no IES Pintor Colmeiro (Silleda) os coordinadores do ENDL do CEIP Cabada Vázquez (A Estrada), do CEIP Xoaquín Loriga (Lalín), do CEIP da Bandeira e o IES Pintor Colmeiro (Silleda) e do IES Chano Piñeiro (Forcarei) co fin de constituir unha coordinadora comarcal que colaborara coa CGENDL. Tamén se estableceron contactos cos CEIP Nosa Señora da Piedade (Vila de Cruces) e co CEIP A Nosa Señora das Dores (Forcarei).
Para manter unha plataforma de contacto e visibilización das actividades dos centros das comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes decidiuse crear un blogue colaborativo: éste que estades a ver, e establecer unha plataforma de correo para crear unha rede de contactos para eventuais futuras colaboracións entre os equipos da zona. Non será necesario engadir que esta coordinadora está aberta a novas incorporacións.
Tamén se nomeou a Irene Fuentes, coordinadora do CEIP Cabada Vázquez como representante desta ante a CGENDL
Esperamos que este proxecto teña un futuro longo e próspero e sexa unha xanela normalizadora nas terras do centro xeográfico de Galicia.